BOIRO> O executivo boirense vai acometer nos próximos meses diversos proxectos de mellora en varios centros sociais do municipio. Dúas destas actuacións, xa en proceso de licitación, son a reparación da cuberta do centro social de Cabo de Cruz e a mellora da eficiencia enerxética en Cures.
O concello de Boiro acometerá a reparación da cuberta do centro social de Cabo de Cruz. A actuación, cun orzamento de algo máis de 200 mil euros, será realizada con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. As obras buscan, nesta primeira fase, darlle solución ás filtracións de auga que teñen as instalacións, ó parecer debido a problemas estruturais que presenta o edificio. O proxecto incluirá tamén o arranxo dos accesos e a substitución das baixantes, completándose a obra coa reposición do falso teito e reparación da pintura afectada polas humidades.
Este proxecto forma parte dun programa para a renovación da totalidade dos centros sociais do municipio, nos que despois de moitos anos dende a súa posta en funcionamento, apenas se realizaron traballos de mantemento, entre os que destaca a mellora da eficiencia enerxética do Centro Social de Cures.











