BOIRO> Boiro converterase esta fin de semana no epicentro do comercio do Barbanza ó facer coincidir o Black Friday cunha edición especial da Noite Aberta. Os 32 establecementos participantes ofrecerán interesantes descontos. Haberá tamén animación de rúa, sorteos, agasallos e un chocolate con churros para os 600 primeiros tickets de compra que se entreguen na carpa da ABE.
Máis de 30 comercios participarán na Noite Aberta de Inverno que poñen en marcha a ABE e o concello de Boiro. Aínda que os descontos que ofrecerán durante toda a fin de semana coincidindo co Black Friday serán os principais atractivos para os clientes, o sábado haberá tamén unha serie de actividades paralelas como sorteos, agasallos, música e animación para os máis pequenos.
Os 300 primeiros tickets entregados terán dobre premio posto que lles obsequiará tamén cunha bolsa de algodón da ABE. O concello colaborará coa iniciativa comercial procedendo a acender parte do alumeado de Nadal nas rúas comerciais e con varias actividades de animación de rúa.
En caso de chuvia, as actividades desenvolveranse no espazo multiusos do mercado. Ademais do concello, a Noite Aberta conta tamén con financiamento da Xunta de Galicia.











