RIBEIRA> O BNG de Ribeira insta ó goberno municipal a executar a renovación do campo de fútbol de Carreira. Trátase dunha actuación longamente demandada pola veciñanza aprobada polo anterior executivo co voto en contra do PP. A pesar de contar con proxecto e partida orzamentaria aínda non se procedeu á súa licitación.
Membros do BNG desprazábanse esta mañá ata o campo de fútbol da Guía en Carreira para denunciar o atraso no proxecto de renovación da grada que actualmente se atopa apuntalada por piares de obra cos consecuentes riscos para a seguridade. Os nacionalistas indicaron que o proxecto xa fora aprobado durante o seu mandato, cos votos en contra do PP, e mesmo se tiña encargado un estudo xeotécnico,. Sen embargo, o actual goberno non procedeu aínda á licitación da actuación.
Malia que tiñan intención de supervisar o estado da instalación, non puideron acceder ó interior do campo, algo do que responsabilizan directamente ó goberno nun intento, din, de obstaculizar o labor da oposición.











