PONTEVEDRA> Comisións Obreiras e o comité de empresa de oficinas centrais de ENCE piden a recusación do Secretario de Estado de Medio Ambiente na Mesa de diálogo sobre o futuro da factoría. Consideran que Hugo Morán non é un interlocutor válido, e acúsano de intentar evitar a continuidade en Lourizán para favorecer a ampliación da fábrica que a pasteira ten en Navia, en Asturias. Tamén piden ao Ministerio que solicite un informe ao Consello de Estado sobre a adscrición dos terreos de ENCE ao Porto de Marín.
Para Comisións Obreiras e o comité de empresa de oficinas centrais de ENCE, o secretario de Estado de Medio Ambiente xa non é un interlocutor válido. Sindicato e traballadores presentaron un escrito no Ministerio pedindo a recusación de Hugo Morán na Mesa de Diálogo sobre o futuro da pasteira.
Reclaman tamén que sexa a Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, quen participe directamente nas negociacións. Ademais, piden ao Goberno que solicite un informe ao Consello de Estado sobre a posible adscrición dos terreos en ENCE ao Porto de Marín.
Cedeira e Pedrosa non ocultaron o seu enfado ante o feito de que o Goberno Central deseña xa un calendario para o desmantelamento de ENCE en Lourizán. Recordan que non hai sentenza firme e que hai catorce recursos de casación no Tribunal Supremo.
Sobre a terceira sentenza que anula a prórroga a ENCE no 2016, recordan que o prazo de presentación de recursos no Tribunal Supremo pecha o 1 de decembro. Ademais, insisten en que hai argumentos para que finalmente se revoquen as sentenzas da Audiencia Nacional.
Hoxe anunciaron tamén que manterán as mobilizacións pero en solitario. E é que acusan ao comité de fábrica de apoiar o traslado da factoría.