MEIS> Meis converteuse esta fin de semana en punto de encontro para os amantes do viño. O municipio acolleu a quinta edición de Meus Viños, cunha gran afluencia de público. Polos stands instalados no Mosteiro pasaron ao longo dos tres días do evento centos e centos de persoas, atraídas polos viños, pero tamén polo resto de actividades programadas, con showcooking ou propostas musicais para todos os gustos. No concello falan xa dun proxecto máis que consolidado.
Polas quintas Xornadas de Autopromoción Vitivinícola de Meis, Meus Viños, pasaron ao longo desta fin de semana centos e centos de persoas. Ademais dunha ampla variedade de viños, a cita incluíu outro tipo de reclamos, dende os gastronómicos, con varios showcookings, aos musicais. Unha programación completa, que volveu converter a praza do Mosteiro en parada obrigada. Unha festa que naceu non para competir con outras, senón para ser precisamente iso, punto de encontro dos amantes do viño.
A inauguración do evento adiantouse este ano unhas horas, pasando do sábado ao venres. Meus Viños gañou así unha terceira xornada, que incluiu desta volta un pregón a cargo do xornalista e tamén adegueiro Roque Durán.
Este ano participaron na cita participaron 12 adegas, practicamente todas as que están vinculadas con Meis. No inicio das xornadas tamén estivo presente a Denominación de Orixe Rías Baixas. O seu presidente salientou a potencialidade vitivinícola do municipio.
E arroupando ao concello nesta quinta edición, todas as administracións: Deputación de Pontevedra, Xunta e Goberno central.
O éxito destas xornadas quedou tamén demostrada no no Concurso Cata Amateur, que encheu todas as prazas dispoñibles. Tamén moita afluencia de público nas distintas actuacións musicais que completaron a programación deste ano. No Mosteiro puidemos gozar dun tributo a Hombres G, Os Druídas, Pablo Balseiro Trío ou a este que estamos a ver, Dani Barreiro & Friends.











