O PP de Poio repartirá sinais polo municipio para denunciar o abandono do goberno local

POIO> Os populares anunciaron hoxe unha nova iniciativa para denunciar o abandono do goberno municipal. O partido liderado por Ángel Moldes colocará paneis informativos en diferentes lugares do municipio para sinalar as zonas máis desamparadas.

Este é o panel informativo que o PP de Poio repartirá polo municipio. Os populares colocarano naquelas zonas máis abandonadas polo goberno local. Zonas que se determinarán seguindo un protocolo.

Os populares pretenden denunciar así o abandono que sofren algunhas zonas de Poio por parte do goberno local, poñendo o foco na falta de servizos básicos nalgunhas parroquias e nas demandas máis repetidas polos veciños.

Despois de trasladar as demandas dos veciños ás comisións e plenos, o voceiro popular cre que esta é a única solución posible a todos os problemas denunciados.

Ángel Moldes incidiu que esta é unha iniciativa pensada para amosar o malestar dos veciños e, por iso, fixo un chamamento á cidadanía.