RIBADUMIA> Xa está en marcha o mes da diversidade en Ribadumia. O acto central da programación terá lugar na fin de semana do 20 e 21 de xuño coa Ruada das Gotas. Trátase dun evento que acada xa a súa oitava edición e que non deixa de medrar. Co obxectivo de reivindicar a diversidade LGTBIQ+ dende o rural, a organización preparou multitude de actos que buscan sensibilizar e darlle visibilidade á diversidade afectiva e sexual. Na parte musical salientan actuación como a de Sheila Patricia, O Xoán ou El Nido, entre outras propostas. Este ano, ademais, será unha edición moi especial para Canal Rías Baixas.
A bandeira da diversidade xa ondea na fachada da casa do concello de Ribadumia. Con ela ábrese no municipio un intenso mes na defensa da visibilidade do colectivo LGTBIQ+ tamén no ámbito rural. Detrás desta iniciativa está un ano máis a Asociación Gotas, que por oitavo ano deseñou unha programación que inclúe propostas festivas, pero tamén actividades no eido da educación e a cultura.
Ao longo deste mes organizarán obradoiros e contacontos nos centros educativos do municipio. Con todo, o acto central terá lugar na fin de semana do 20 e 21 de xuño coa Ruada das Gotas. A música será un dos grandes ingredientes, destacando as actuacións de Sheila Patricia, O Xoán, El Nido, Maricarme ou Señora DJ.
Na xornada do sábado outro dos momentos mais agardados é o xantar diverso.
Antes dese xantar terá lugar a lectura do manifesto. A continuación entregaranse os Ovos Dourados, que o ano pasado foron para o Atardecer solidario da Quinta de San Amaro.
O concello de Ribadumia colabora con Gotas nesta programación. O alcalde salienta o traballo feito nestes anos por parte de Gotas e todo o que aínda queda por facer.
Na parte institucional, tamén contan co apoio da Xunta e da Deputación de Pontevedra.
A programación pecharase con dúas actividades máis: unha festa de clausura do mes da diversidade o día 26 e, por último, a presentación do Servizo Quérote+, en apoio á diversidade LGTBIQ+.











