MEAÑO> Xa está en marcha en Meaño a obra de humanización da rúa Herminia Fariña. Unha actuación que transformará un dos principais puntos do centro da vila, na contorna de equipamentos como o centro de saúde, o colexio As Covas-Meaño ou o pavillón municipal de Deportes. Os traballos diríxense á renovación dos servizos e á humanización do espazo, apostando pola plataforma única. O proxecto ten un orzamento de 522.000 euros e calcúlase que estará rematado a finais de novembro.
Meaño comeza a transformación da contorna do centro de saúde, o colexio As Covas-Meaño, o centro de maiores e o pavillón municipal de deportes. Hoxe arrancaron os traballos de humanización da rúa Herminia Fariña, en pleno centro da vila.
Así, o vial ampliarase ata os 12 metros de ancho e optarase pola plataforma única para garantir o acceso seguro ao colexio e ao pavillón.
O proxecto ten un orzamento de 522 mil euros, que serán financiados ao 50% entre o concello e a Xunta de Galicia. Está previsto que as obras se rematen a finais do mes de novembro.
Non é a única actuación que se está a executar nesta zona. De xeito paralelo, o concello habilitará unha parcela recentemente adquirida para dotar ao centro de Meaño dunha bolsa de aparcadoiro.
As dúas parcelas foron mercadas con fondos propios do concello, que destinou algo máis de 60.000 euros á compra do terreo que acollerá o futuro multiusos e 40.000 ao que se empregará como bolsa de aparcadoiro. Neste último xa se traballa para o seu acondicionamento. Está previsto que entre en funcionamento no prazo dun mes.











