BOIRO> Os problemas de falla de presión e cortes que se están a producir de xeito habitual dende hai varias semanas na rede municipal de auga leva ó concello de Boiro a ter que tomar medidas.
A través dun bando informativo, o Concello prohibe o emprego das duchas e lavapés das praias e tampouco o rego de xardíns e baldeos con auga da traída municipal entre as oito e as once da noite.
Con esta medida, o executivo local confía en mellorar a situación, que se dá precisamente nesas horas do día, a partir das oito da tarde, cando o consumo de auga se dispara de xeito masivo, e non en to o Concello por igual, senón en puntos moi concretos do municipio.
De cara ó futuro, o Concello tamén consultou a varias empresas de enxeñería cal sería a mellor solución para evitar este tipo de problemas de falla de presión e cortes no servizo municipal de auga, que pasarían pola construción dun segundo depósito.











