Seis alumnos do plan integrado de emprego da Mancomunidade dixitalizan o Mosteiro da Armenteira

MEIS> Seis alumnos do plan integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés dixitalizan o Mosteiro da Armenteira. Os participantes realizaron esta tarefa grazas ao curso de dixitalización documental e fotogrametría. A tecnoloxía tamén foi utilizada para capturar documentos antigos dos concellos de Vilanova e Meaño.

A mancomunidade do Salnés realizou ao longo dos últimos días o curso de dixitalización documental e fotogrametría. Esta ensinanza permite aos alumnos aprender a traspasar a formato dixital documentación antiga pero tamén estruturas reais como o Mosteiro da Armenteria.

Os participantes aprenderon a utilizar o escáner 3D e a tecnoloxía da fotogrametría a través de drones. No curso de este ano dixitalizouse o Mosteiro da Armenteira. O gran tamaño do edificio requiriu moito tempo de fotogrametría cos drones pero o resultado, segundo sinalan, foi moi bo.

O alumnado valorou de forma moi positiva a realización deste curso.

E non descartan buscar unha saída laboral neste campo. No caso de Alexia, incluso pode compatibilizalo coa súa profesión como xeógrafa.

As novas demandas do mercado e falta de formación nestes campos é o que leva á mancomunidade do Salnés a organizar estes cursos.

O Plan Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés avanza outro ano máis con grandes resultados. Polo de agora, un 80% dos alumnos xa atopou algunha saída laboral e máis do 60% atópase traballando cun contrato laboral de máis de tres meses.