PONTEVEDRA> A Derradeira Leición do Mestre xa se expón no Museo de Pontevedra. A obra de Castelao, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, poderá visitarse ata o vindeiro 27 de setembro. Para a ocasión a entidade deseñou unha mostra na que a peza dialoga con fondos da colección permanente do Museo. Onte celebrouse a inauguración institucional.
Ata o 27 de setembro os que se acheguen ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra poderán contemplar a obra cumio do galeguista: ‘A derradeira leición do Mestre’.
Considerado como un símbolo da memoria e da diáspora galega, a peza, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, representa o fusilamento de Alexandre Bóveda a mans do exército franquista.
Na mostra preparada polo Museo de Pontevedra, o cadro dialogará con outros fondos da súa colección permanente na que é a primeira vez que se expón na provincia de Pontevedra e a segunda en Galicia.
Onte celebrouse a inauguración da mostra cun acto institucional. Asistiu, entre outros, o presidente da Xunta de Galicia. Tamén o alcalde da cidade. Miguel Anxo Fernández Lores trasladou unha esperanza na súa intervención: que o cadro poida quedar nalgún momento no Museo pontevedrés.
A exposición poderá visitarse de xeito libre e gratuíto, aínda que a sala que a acolle ten unha cabida limitada a 25 persoas por quenda.











