A POBRA> A Pobra volveu saír á rúa en defensa da sanidade pública. Fíxoo onte domingo cunha multitudinaria manifestación que partiu do centro de saúde da localidade, para percorrer posteriormente diversas rúas da vila e concluír, finalmente, na Praza do Emigrante, onde se deu lectura a un manifesto.
Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, entidade da que partiu a convocatoria, incidiuse nas mesmas demandas, as mesmas polas que dende hai meses veñen concentrándose tamén cada venres diante do ambulatorio.
Por unha banda a cobertura de todo o persoal que lle corresponde e por outra a dotación dun PAC a tempo completo, que evite os desprazamentos da poboación a outros puntos de atención continuada da comarca, o que provoca a súa saturación.











