A POBRA> O concello da Pobra contará a partir do próximo luns co servizo de conciliación tamén polas tardes. Convértese así nun dos poucos de Galicia en facilitar o coidado dos menores luns a domingo.
A Pobra dá un novo paso adiante en materia de igualdade ó habilitar o espazo de coidados corresponsables, un servizo de conciliación en horario de tarde. Será de balde posto que está financiado polo Ministerio de Igualdade ó abeiro do Plan Corresponsables.
O servizo porase en marcha a partir do próximo luns nas instalacións do colexio Salustiano Rey Eiras, en horario de cinco menos cuarto a nove menos cuarto.
Habilitaranse inicialmente sesenta prazas. No caso de non ser suficiente priorizaranse as familias que reúnan certos criterios socioeconómicos. As persoas interesadas poden solicitar máis información no departamento de igualdade do concello.