‘Os libros tamén arrolan’ os bebés ingresados en Neonatoloxía do Hospital Provincial

PONTEVEDRA> As nais e pais teñen un novo recurso á súa man para facer máis levadíos os ingresos dos seus bebés na área de Neonatoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra. A área sanitaria e a Editorial Kalandraka veñen de poñer en marcha unha biblioteca de publicacións infantís. No marco da campaña ‘os libros tamén acunan’, as familias xa poden acceder a exemplares pensados para reforzar os vínculos e estimular aos seus bebés mentres están ingresados.

A área de Neonatoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra e a Editorial Kalandraka únense para dar ferramentas ás familias para facer máis levadíos os ingresos dos seus bebés. Para arrolar coas palabras cando facelo non é sinxelo.

Esta biblioteca de publicacións infantís xa está dispoñible para as familias, con libros escollidos con mimo para as primeiras idades.

Os libros convértense así nun recurso en momentos duros. Segundo os expertos, axudan a diminuír o estrés da hospitalización, á vez que reforzan o vínculo entre as nais e pais e os bebés ingresados. Tamén desenvolven a actividade neurolóxica dos meniños.

Iniciativas coma esta xa están en marcha, por exemplo, no Hospital de Santiago de Compostela. Tamén noutros de referencia fóra de Galicia, como o Vall d’Hebron en Barcelona ou o 12 de Octubre, en Madrid.

A presentación oficial desta biblioteca foi hoxe no Hospital de Día de Pediatría de Pontevedra e completouse cun obradoiro práctico para as familias con lecturas para bebés de 0 a 2 anos.