PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia e o concello de Pontevedra oficializaron esta tarde a cesión de novas parcelas para a construción de vivenda pública. Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores asinaron a acta pola que o goberno local transfire a titularidade ao Instituto Galego de Vivenda e Solo dos terreos na Parda, Tafisa e Valdecorvos. Segundo os cálculos iniciais, estas parcelas poderán acoller 118 novas vivendas de promoción pública na cidade.
Tres parcelas na Parda, Tafisa e Valdecorvos acollerán novas promocións de vivenda pública en Pontevedra. Hoxe o presidente da Xunta e o alcalde da cidade asinaron a cesión gratuíta destes terreos, que ata o de agora eran de titularidade municipal.
A Xunta construirá nestas parcelas 118 novas vivendas de promoción pública. Sumaranse a outras actuacións desenvolvidas na cidade que inclúen xa 132 vivendas entregadas e 182 en marcha, para un total de 432 vivendas públicas neste ámbito urbano.
O acordo de hoxe supón avanzar no obxectivo marcado pola Xunta para esta lexislatura: duplicar o parque de vivenda pública existente en Galicia.
A mobilización de solo público, a rehabilitación de vivendas existentes e a posta en marcha de programas como o que permitirá destinar ata 16.000 euros por vivenda baleira para a súa adecuación e saída ao mercado de alugueiro, son algunhas das medidas nas que, segundo Rueda, se basea o modelo de política de vivenda da Xunta.