RIBEIRA> Na súa sétima edición, o festival Viladomar de Rianxo reuniu a tres muralistas de recoñecido prestixio. Agustina Shaun, Lula Goce e Alejandro Mosquera foron os encargados de encher de cor o muniicpio, transformado as paredes en obras de arte.
Ó longo desta semana estase a desenvolver en Rianxo a sétima edición do Festival ViladoMar, máis alá dos muros. Esta proposta, financiada pola Deputación da Coruña, busca promover a arte mural de gran formato ó tempo que se recuperan espazos degradados.
Son tres os artistas que están a plasmar as súas creacións nas paredes rianxeiras. Alejandro Mosquera, Lula Goce e a arxentina Agustina Shuan que quixo con esta obra representar os vínculos de Galicia e Arxentina nunha homenaxe ós emigrantes.
Entre as novidades deste ano, destaca a realización dun mural colaborativo xunto coa asociación As Púrpuras, unha proposta que reforza a aposta de Viladomar pola creación compartida e a participación da comunidade.
A programación completarase cunha masterclass impartida por Camilo Seira, na que o artista amosará o proceso de creación dun mural elaborado con musgo, así como cunha xornada especial de peche o 11 de xullo, organizada en colaboración con Rock in Rian. Ó longo dese día celebraranse dous roteiros teatralizados polos murais de Rianxo, un percorrido en barco pola ría e unha programación musical que despedirá esta sétima edición do festival.











