Noia conta cun punto de información turística na Oficina do Peregrino de Porto

NOIA> O concello de Noia reforza a súa aposta polo turismo cun punto informativo sobre o Camiño da Ría de Muros-Noia na oficina do Peregrino de Porto. O obxectivo é promocionar esta ruta entre os miles de visitantes que pasan diariamente pola localidade portuguesa, un dos principais puntos de partida da ruta xacobea.

A estratexia de promoción do Camiño da Ría de Muros Noia dá un novo paso coa instalación dun punto informativo permanente na Oficina do Peregrino de Porto. Trátase dun fito moi importante para a internacionalización desta ruta posto que a localidade portuguesa é o principal punto de partida para os camiñantes que realizan o camiño portugués.

A oficina do Peregrino de Porto recibe ó redor de 9000 visitas ó mes mentres que a oficina virtual supera o millón de entradas, o que a converte nun escaparate de gran relevancia para dar a coñecer Noia entre visitantes de todo o mundo.

Ademais dun stand con folletos informativos sobre os principais recursos turísticos do municipio, o novo espazo promocional incorpora unha pantalla con contidos actualizados en tempo real dende o concello de Noia.