PONTEVEDRA> Os días 17 e 18 de xullo volverá a Pontevedra un dos grandes eventos musicais do verán. O Bigsound Festival ultima os preparativos para esta cita, que agarda reunir a máis de 35.000 persoas no recinto habilitado no parque de Tafisa. Recordemos que polo escenario pasarán artistas como María Becerra, David Bisbal, Nathy Peluso ou Ana Mena.
A organización destacou hoxe a complexidade dos preparativos que implican a administracións, forzas de seguridade e numerosas empresas. Tamén adiantou varios cambios respecto da edición do ano pasado. Así, reorganizarase o recinto, coa ampliación de zonas de baño e unha mellor distribución dos servizos. Ademais, reforzarase o dispositivo de transporte con máis rutas e paradas de autobuses.
Pola súa banda, mantense o operativo de seguridade coa participación de Policía, Protección Civil e Bombeiros.
Os que repiten son os dous escenarios, que estarán bautizados como Xacobeo 2027 e Pontevedra.
Dende a organización recordan que a recollida de acreditacións comezará o xoves previo ao festival, co obxectivo de axilizar o acceso.










