CAMBADOS> Recepción oficial do concello de Cambados ás adegas gañadoras da cata concurso da Festa do Albariño deste ano. No acto participaron representantes de Bodega Davide, que se fixo co primeiro premio, e Bodegas Chaves, que quedou en segundo lugar. Ambas destacaron a importante repercusión deste galardón.
Máis dunha semana despois da despedida da Festa do Albariño, o concello de Cambados celebrou hoxe o último acto: a recepción oficial das adegas que resultaron gañadoras na cata-concurso.
Nesta 34 edición o primeiro premio recaeu na vilanovesa Bodega Davide. Co seu albariño Davide, conseguiu conquistar ao panel de cata.
O segundo quedou en Ribadumia. Bodegas Chaves foi galardoada coa prata polo seu albariño Castel de Fornos.
Despois de 34 anos de historia, o peso da cata concurso da Festa do Albariño de Cambados está máis que demostrado. E esta mañá foi corroborado polos gañadores desta edición. En tan só unha semana, xa notaron como se disparou o interese polas súas elaboracións.
O terceiro premio foi para o albariño Veiga da Princesa, da subzona do Condado do Tea.