CAMBADOS> Cambados reordena varios espazos do concello para facilitar a mobilidade peonil. O concello xa aplicou as medidas en varios puntos como a avenida de Galicia, diante do centro de saúde, ou o paseo do muíño da Seca. O obxectivo: evitar aglomeracións e facilitar que se cumpra coa distancia de seguridade recomendada.
Evitar aglomeracións e facilitar que se cumpra coa distancia de seguridade son dúas medidas clave nesta fase cero do plan de desescalada. En Cambados, os veciños tamén volven á rúa e para facer máis fácil que se cumpra con estes requisitos, o concello está a elaborar un proxecto para reordear as camiñatas e o deporte nalgunhas zonas.
Unha das primeiras intervencións foi no paseo do muíño da Seca. Trátase dunha das zonas máis transitadas de Cambados, polo que o goberno local optou pola dirección única.
Outro dos puntos máis transitados do municipio é a zona do centro de saúde, na avenida de Galicia. Aí tamén ampliarase a beirarrúa con mobiliario e sinalización urbana portátil.
Ademais, o goberno local non desbota ampliar este tipo de medidas a outras zonas peonís.
Segundo o concello cambadés, ata o de agora os veciños cumpriron de xeito exemplar as medidas de confinamento; actitude que agardan que se manteña nas seguintes fases da desescalada.