RIANXO> Máis de 250 nenos participan no programa de conciliación desenvolvido polo concello de Rianxo este verán. Os campamentos, divididos en tres sedes, cubrirán todo o período non lectivo cun horario ampliado con respecto á anterior edición.
O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais de Rianxo visitaron esta mañá ós nenos que participan nos campamentos de verán que se desenvolven en tres sedes distintas: os colexios Brea Segade, Ana María Diéguez e o IES Félix Muriel. Na presente edición participan 261 cativos que gozan dunha oferta de lecer e deportiva ó tempo que as súas familias poden conciliar durante o período non lectivo.
Recollendo ademais as demandas dos usuarios, o concello ampliou este ano o horario, de dez da mañá a dúas da tarde, complementándoo co servizo de madrugadores a partir das oito da mañá.
Na visita realizada esta mañá, os responsables municipais puideron constatar o bo desenvolvemento da actividade.










