PONTEVEDRA> O persoal do Sergas concentrarase este venres en Pontevedra para esixir a dimisión da xerencia da área sanitaria. Así o anunciaron hoxe os representantes dos sindicatos PROSAGAP, CESM e CO.BAS. Os traballadores están fartos de que a xerencia faga oídos xordos as súas demandas e por iso piden á cidadanía que se suma a esta mobilización.
Os sindicatos PROSAGAP, CESM e Comisións de Bases volveron a esixir hoxe o cese da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Estes colectivos aseguran que, tras meses pedindo máis medios e persoal para facer fronte á pandemia, a situación continúa sendo igual de precaria e o equipo directivo continúa facendo oídos xordos as súas demandas.
Ademais da escaseza de material de protección, aos sindicatos preocúpalles especialmente a falta de controis nos accesos dos hospitais e por iso cren que é fundamental modificar os protocolos establecidos polo Sergas.
Os sindicatos cren que chegou á hora de saír a rúa para seguir denunciando a precariedade laboral coa que están a traballar nos centros hospitalarios e para esixir unha sanidade pública de calidade.
A concentración levarase a cabo este venres ás 19:00 horas na Praza de España de Pontevedra. Os sindicatos piden a todos os participantes que acudan con velas ou lanternas para así tratar de aportar, un pouco de luz, aos xestores da área sanitaria.