O PORTO DO SON> O Porto do Son volveu a ser fiel á súa cita estival co polbo.
Durante a fin de semana, en dúas xornadas, o sábado e o domingo, os amigos do bo comer tiveron parada obrigada na localidade sonense, nunha festa coma a do polbo que acadou este ano á súa edición número 32.
Durante os dous días na carpa instalada para a ocasións na fachada marítima repartíronse ó redor duns mil quilos de cefalópodo.
O polbo foi cociñado á feira, preparado coa receita de sempre. Como vén sendo habitual á fronte dos fogóns, a polbería Veloso de Puente Ulla.
Ademais da degustación, durante as dúas xornadas, tamén se desenvolveron outras actividades alternativas. Unha delas a tradicional andaina do polbo, con saída dende a localidade veciña de Boiro e chegada a Porto do Son onde os participantes, coma recompensa, disfrutan da comida co prezado cefalópodo.
A actuación do grupo humorístico ‘Os tristes’, a cargo de Federico Pérez e Marcos Pereiro; ou a música, coa actuación de varios grupos tradicionais como é o caso da banda Suevia e o grupo de baile tradicional Anduriña tamén tiveron un oco na programación, que cada ano se vai ampliando para tratar de animar o evento, e que non se limite só á vertente gastronómica.











