O PORTO DO SON> A delegada territorial da Xunta supervisou as obras de remodelación do pavillón do IES Porto do Son que resultara afectado por un temporal no outono de 2024. Ademais da reconstrución e reforzo do perímetro, procedeuse á mellora da instalación e da cuberta e á construción dun novo almacén.
A Consellería de Educación investiu preto de 300 mil euros na reforma do pavillón do IES Porto do Son que permanece inutilizado dende outubro de 2024 cando un forte temporal derrubou un dos muros da instalación. As obras que se están a executar non consisten unicamente na reposición e reforzo do peche perimetral senón que tamén se está a mellorar a cuberta e o sistema de impermeabilización ó tempo que se construíu un novo almacén para material deportivo.
A pesar da demora do proceso administrativo para o comezo dos traballos, as obras avanzan a bo ritmo polo que a Xunta agarda poder rematalas antes do comezo do curso escolar. O alcalde agradeceu tamén as actuacións que se están a executar noutros centros educativos do municipio como os colexios de Xuño, Portosín e Nebra.











