Noia inicia a renovación do alumeado no casco urbano

NOIA> O concello de Noia iniciou a substitución das luminarias en todo o casco urbano. A actuación, cun investimento de 400 mil euros, redundará nunha importante redución do gasto municipal así como nunha mellora da eficiencia enerxética ó cambiar lámpadas de vapor de sodio por luces LED.

Algunhas zonas como a avenida República Arxentina, a travesía de San Bernardo e varias rúas do barrio de San Lázaro dispoñen xa das novas luminarias LED que o concello está a instalar en todo o casco urbano. En total substituiranse preto de 1100 de lámpadas de vapor de sodio por estas luces, moito máis eficientes. Esta actuación, financiada polo concello e o IDAE, suporá un importante aforro enerxético e económico así como unha notable redución das avarías que rexistraba actualmente a rede, xa obsoleta.

A renovación das luminarias que se estenderá posteriormente ó resto do casco urbano e das parroquias, sumarase a outras actuacións que está a desenvolver o concello para incrementar a eficiencia enerxética coa colocación de paneis solares e caldeiras de biomasa nn edificios e instalacións públicas.

Dende o concello agardan que a renovación do alumeado se complete en primavera. Ademais do aforro enerxético destacan a mellora estética e de intensidade lumínica que proporcionarán as novas farolas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí