O BNG de Ribeira demanda a mellora da pasarela e o acceso á praia da Corna

RIBEIRA> O BNG de Ribeira esixe a reparación da pasarela de madeira da praia da Corna. Trala caída sufrida por unha usuaria, os nacionalistas alertan do mal estado en que se atopan numerosos elementos do paseo polo que piden que se realice unha inspección para determinar as melloras a acometer.

O pasado 7 de agosto, unha muller que paseaba pola pasarela da Corna sufría unha caída ó ceder unha táboa na rampla de acceso á praia. Tras comprobar o mal estado en que se atopan moitos dos elementos da zona, con madeiras soltas, os nacionalistas alertan dos riscos que supón para a seguridade, máis aínda na época do ano que máis tránsito soporta a infraestrutura.

A través dunha moción que xa rexistraron no concello, demandan que os servizos técnicos municipais realicen unha inspección para determinar o estado en que se atopa a instalación e proceder á substitución das táboas soltas ou rotas. Non só nesta pasarela senón noutras sendas de madeira que dan acceso a areais do municipio e tamén se atopan deterioradas ante a falla de mantemento.

Insisten tamén na necesidade de actuar no vial de acceso á praia que discorre en paralelo ó piñeiral que presenta graves problemas de accesibilidade.