BOIRO> A carpa instalada para a ocasión, a carón da lonxa quedouse pequena un ano máis. Centos de persoas, chegados dende diferentes puntos de toda Galicia e incluso de fóra dela, achegáronse á localidade crucense para disfrutar da Festa de Exaltación do Mexillón.
Dende primeiras horas da mañá un grupo de voluntarios dirixidos polo chef Xabi Fernández, de Chicolino Eventos, encargouse de preparar o menú degustación, no que se incluían catro especialidades diferentes: mexillóns ó vapor, en empanada, en vinagreta de cítricos e nube de trufa e por primeira vez, un postre, un coulant de mexillón e golfo da ría.
O menú resultou todo un éxito e en poucas horas acabáronse as existencias. Dende a organización indicaron que se despacharan máis de oito mil racións.
O acto contou ademais con numerosas autoridades, entre elas a deputada provincial Rosa Ana García, e o alcalde, José Ramón Romero, quen destacou a importancia desta cita para seguir recoñecendo un produto cunha gran importancia no tecido económico da localidade.
Pero a degustación de onte domingo, foi o broche de ouro a toda unha completa programación que incluíu tamén charlas, showcookings e actuacións musicais, así como a ruta de tapas a base de mexillón e que se celebrou ó longo de toda a semana pasada nos locais hostaleiros grazas á colaboración do Concello que aportou os mexillóns para a elaboración das tapas que de xeito gratuíto se ofreceron ós clientes.











