O BNG de Ribeira demanda un reforzo do servizo de limpeza e recollida do lixo

RIBEIRA> O BNG de Ribeira denuncia deficiencias na limpeza viaria e no servizo de recollida de lixo. Fanse eco así das queixas veciñais en relación ós malos cheiros que desprenden os contedores así como a acumulación de residuos trala realización de eventos municipais que requirirían un dispositivo de limpeza e desinfección en profundidade.

Contedores ateigados, pavimentos sucios, acumulación de residuos e malos cheiros. Esta é a situación que denuncia o BNG de Ribeira facéndose eco das queixas veciñais que demandan unha maior limpeza viaria durante a época estival.

Os nacionalistas entenden que as deficiencias que presenta o servizo de limpeza veñen derivadas dun contrato insuficiente no momento da adxudicación pero instan ó executivo a realizar unha mellor planificación, especialmente no caso de eventos multitudinarios con grandes aglomeracións.

Ademais da mellora da recollida do lixo no centro urbano, demandan un reforzo do servizo nas parroquias. Tenden a man ó equipo de goberno para incrementar as partidas destinadas a limpeza para evitar prexuízos á cidadanía e, especialmente, ós negocios do hostalería e comercio.

A alcaldesa de Ribeira non tardou en responder ás críticas do BNG. María Sampedro explicou que se ten reforzado o servizo de recollida de contedores tanto no centro como nas parroquias así como as tarefas de limpeza viaria con intervencións na rúa peonil e adxacentes.

Dende o concello de Ribeira entenden que as necesidades de limpeza aumentan no municipio durante a tempada estival onde o incremento de poboación coincide coa realización de numerosos eventos. Situación que levou ó executivo a reforzar o servizo de limpeza e de recollida do lixo.

En resposta ós nacionalistas, a alcaldesa lembra que o pasado verán se dou unha situación similar cando eles estaban á fronte do goberno. Dende o concello fan tamén un chamamento á colaboración cidadá animando a deixar os residuos nos contedores nas horas indicadas e comunicar o depósito de enseres voluminosos para evitar a súa acumulación na vía pública.