O PP de Ribeira demanda a mellora da céntrica rúa Mariño de Rivera

RIBEIRA> O PP de Ribeira levará ó pleno deste mes de maio a mellora da rúa Mariño de Rivera. Consideran que esta vía, a pesar de ser unha das principais arterias comerciais da vila, se atopa en moi mal estado.

Os populares de Ribeira demandan melloras na rúa Mariño de Rivera. Levarán ó pleno ordinario deste mes de maio unha moción solicitando unha serie de actuacións nesta céntrica vía, de gran importancia comercial.

Dende o PP poñen en dúbida a capacidade do executivo local para buscar financiamento co que acometer esta obra despois de que deixaran sen executar as partidas de fondos europeos destinadas a reformas similares noutras rúas adxacentes na contorna da praza do concello.