A V Andaina Solidaria de Jealsa logra recadar máis de 6000 euros para a Fundación STOP Leucemia

BOIRO> A quinta andaina solidaria de Jealsa logrou superar os seis mil euros de recadación. Esta mañá tiña lugar no concello de Boiro o acto simbólico de entrega do cheque á Fundación Stop Leucemia. Os fondos irán destinados ó Grupo de investigación en Hematoloxía Computacional e Xenómica do Hospital Clínico de Santiago.

Nesta quinta edición, a andaina solidaria de Jealsa bateu record de participación e de recadación. Preto de mil persoas sumáronse a este evento que, ademais da súa vertente benéfica, contribúe a dar a coñecer as paraxes naturais máis emblemáticas de Boiro.

A recadación, en total 6.153 euros,foi entregada ó Grupo de investigación en Hematoloxía Computacional e Xenómica que a Fundación Stop Leucemia ten no hospital de Santiago, traballando na mellora das terapias e tratamentos contra este tipo de cancro.

Dende o concello de Boiro quixeron agradecer o labor de Jealsa e a solidariedade amosada por toda a cidadanía contribuíndo á investigación como primeiro paso na loita contra o cancro.