A Asociación de Xubilados de Boiro volve demandar unha residencia pública

BOIRO> A Asociación de Xubilados de Boiro insiste na necesidade de construír unha residencia pública no municipio. Despois de manter unha xuntanza co director xeral de Maiores, Antón Acevedo, este confirmoulle que o Concello non puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios para poder acometer esta importante actuación.

A reunión mantida polos membros da directiva da Asociación de Xubilados de Boiro co director xeral de Maiores, Antón Acevedo,  veu referendar o que se temían. O Concello aínda non puxo a disposición da Xunta os terreos da Cachada, na rúa María Mariño, para construír aí a residencia da terceira idade, dando cumprimento así a un acordo plenario aprobado no ano 2020.

Tamén negan que exista un proxecto de residencia concertada, tal e como anunciou o Concello, cando a Xunta non é coñecedora. Dende o colectivo denuncian que o alcalde minte e intenta enganar á veciñanza coa colocación dun cartel no que se anuncia o proxecto de contrución da residencia, cando non é real. Tamén denuncian o veto que dende o Concello se lle fai á entidade.