BOIRO> A delegada territorial da Xunta na Coruña visitou esta mañá varios centros educativos do Barbanza nos que se teñen acometido melloras. Entre eles, o CEIP Santa María do Castro que conta cun novo comedor ou o IES Félix Muriel de Rianxo no que se procedeu á renovación da carpintería exterior.
O CEIP Santa María do Castro de Boiro dispón este curso dun novo comedor. A Xunta acometeu o arranxo da antiga vivenda do conserxe para ampliar esta instalación con acceso independente pero conectada co resto do centro. Educación investiu 50 mil euros nas instalacións con capacidade para máis dun cento de alumnos.
Aproveitando a presenza da delegada, o alcalde de Boiro trasladoulle tamén outras necesidades que presenta este centro educativo como é a remodelación do módulo de infantil.
Tralo seu paso por Boiro, Belén do Campo visitou tamén o IES Félix Muriel de Rianxo e o CEP Brea Segade de Taragoña onde tamén se veñen de acometer reformas encamiñadas principalmente á mellora da eficiencia enerxética.