Emendas do PSdeG aos orzamentos da Xunta para A Illa reclamando ‘equidade’ co resto de municipios

A ILLA DE AROUSA> O PSdeG presenta unha batería de emendas aos orzamentos da Xunta para 2025 centradas na Illa de Arousa. Son en total seis propostas, centradas en servizos sociais ou infraestruturas. Entre elas, salientan varias vellas demandas do municipio insular, como a construción dun centro de día, un aparcadoiro no paseo do Cantiño ou fondos para a EDAR.

Son en total seis emendas que o grupo socialista xa rexistrou no Parlamento Galego e que se van debater esta semana. Varias delas están relacionadas con infraestruturas, comezando pola futura EDAR do municipio, que conta con fondos do goberno central pero non do galego.

Reclaman tamén a construción dun centro de día no concello, melloras no colexio A Torre, así como a reforma do paseo do Cantiño que inclúa tamén un aparcadoiro soterrado.

As emendas inclúen tamén reclamacións para a mellora da estrada que dá acceso ao concello e a PO-299 e medidas para facilitar o acceso á vivenda.

Din os socialistas que estas emendas son a mostra de que a  Xunta se esquece sistematicamente do municipio, acusando ao executivo popular dun trato discriminatorio.