Pontevedra traballará para acoller unha Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon por terceira vez

PONTEVEDRA> Pontevedra esperta do seu soño do tríatlon. A cidade clausurou onte a Gran Final das Series Mundiais, a segunda que organiza e coa que, segundo a Federación Española deste deporte, volveu facer historia. Dende o concello non agochan o seu orgullo polo acadado e xa adiantan: haberá máis tríatlon en Pontevedra nos vindeiros anos.

Con estas palabras, fíxose hoxe balance no concello da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que Pontevedra acolleu ata onte.

Esta foi a segunda vez que a cidade acolleu a Gran Final pero a quinta na que Pontevedra é a sede dunha proba mundial de tríatlon. Por aquí pasaron máis de 5.400 deportistas dun cento de países.

Unha historia de amor que todas as partes están dispostas a repetir. De feito, está sobre a mesa que Pontevedra acolla unha terceira Gran Final das Series Mundiais. Algo que, recoñecen ao tempo, é un obxectivo polo que haberá que pelexar.

Os organizadores presentaron algunhas cifras para dar dimensión ao evento. Así, na organización participaron máis de 1.300 persoas, houbo 133 xornalistas acreditados, no desfile inaugural participaron unhas 2.700 persoas, ao redor de 4.000 espectadores asistiron á programación cultural paralela e máis de 20 empresas locais achegaron os seus servizos para facer posible esta Gran Final das Series Mundiais.