O concello de Boiro insiste en que os problemas de abastecemento derivan da seca prolongada

BOIRO> Dende o concello de Boiro volveron explicar que a situación vivida esta semana é froito da seca prolongada tal e como evidencia a súa inclusión na lista de 74 municipios en situación de seca prolongada.

O tenente alcalde explicou tamén as razóns que motivaron os problemas de caudal no polígono que se atopa na zona alta do municipio. A escaseza de auga no depósito principal provocou que non alcanzase a cota mínima para bombear ata o depósito de Espiñeira polo que foron precisos cortes puntuais para elevar o nivel da auga.

En relación ós problemas de potabilidade denunciados polo PP, dende o goberno volven mandar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía asegurando que se cumpriu co protocolo e coa normativa en materia sanitaria.

A este respecto, o concello fará público o informe das actuacións desenvolvidas tralas análises negativas da rede de Trebonzos así como o protocolo que establece o regulamento nestes casos.