RIBEIRA> A ANPA Santa Uxía do colexio O Grupo de Ribeira concentrouse ás portas do centro para reclamar diversas melloras. Ademais de denunciar a paralización das obras do ascensor no módulo de infantil, demandan a incorporación de profesorado especialista para atender ó alto número de alumnos con necesidades de apoio educativo.
Fartos dos reiterados incumprimentos da Xunta co colexio, os pais do CEIP O Grupo de Ribeira decidiron mobilizarse para denunciar a situación en que se atopa o centro. En primeiro lugar, demandan que se retomen as obras para a execución dun ascensor no módulo de infantil. Malia que tiña que estar finalizada a finais do pasado ano, permanece paralizada impedindo o uso dos aseos e reducindo o espazo de varias aulas de educación infantil.
Non é esta a única demanda da ANPA que denuncia o mal estado da cuberta do edificio así como outras eivas que presenta o centro, que precisa de investimentos urxentes posto que data de 1949.
Por último, pais e mestres volven demandar a incorporación de profesorado especialista que se reduciu de xeito considerable con respecto ó pasado curso, contando unicamente no actual con dous AL e un PT nun colexio con máis de 400 alumnos.











