A chegada do 4.0 ao marisqueo da ría de Pontevedra axiliza as xestións e reforza a trazabilidade

PONTEVEDRA> Visita da conselleira do Mar ao punto de control de marisqueo de Lourizán. Rosa Quintana comprobou os avances no proceso de dixitalización do sector, como é a posta en marcha do programa Primare Lonxas 4.0. A plataforma integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda dos produtos do mar. Comezou a implantarse no 2018 e funciona xa en 35 confrarías. Á de Lourizán chegou hai un ano.

As confrarías da ría de Pontevedra súmanse ao 4.0. Os puntos de control do marisqueo de Lourizán e Lourido e a lonxa de Campelo xa teñen en marcha o programa Primare. Unha plataforma única que integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda.

O sistema permite rexistrar directamente nos puntos de control as capturas da xornada do marisqueo a pé, sen necesidade de agardar á chegada á lonxa. Algo que tamén garante a trazabilidade do produto.

O funcionamento é sinxelo: cada mariscadora só ten que pasar a súa tarxeta magnética. Este xesto serve para recompilar datos do peso, a calidade e o tamaño da ameixa; información que se envía directamente ao ordenador central da Consellería do Mar.

O programa Primare Lonxas 4.0 comezou a implantarse nas confrarías galegas no 2018. A día de hoxe funciona xa en 35 lonxas, tralo investimento de seis millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí