NOIA> Tralo peche precipitado da campaña marisqueira en Noia, que tan só durou dúas semanas, os profesionais tiñan depositadas as súas esperanzas no vindeiro exercicio ante a presenza de abundante cría nos areais.
Sen embargo, os temporais das últimas semanas e o exceso de auga doce están a provocar a súa mortaldade. Os mariscadores traballaron arreo a pasada tarde para recoller a cría que o mar arrastrou ata as praias e sementala novamente nos bancos, co fin de que volva fixar para garantir futuras campañas.
Situación similar á de Testal viviuse na praia da Torre en Rianxo que tamén apareceu cuberta de cría. A agrupación de mariscadoras a pé optou por reducir as xornadas de traballo co fin de remover o menos posible o terreo para evitar a perda de máis cría.











