RIBEIRA> A presenza dunha suposta mancha de combustible na entrada da ría de Arousa, nas proximidades da illa de Sálvora, deu lugar á activación do Plan de Continxencia por Contaminación Mariña Accidental de Galicia, o denominado Plan Camgal, no que tomaron parte numerosos medios estatais e autonómicos.
Ó simulacro asistiu a conselleira do Mar Rosa Quintana, entre outras autoridades, entre as que se atopaba tamén a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, ou o subdirector de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto.
Quintana puxo de relevo a importancia da prevención e a preparación fronte a episodios de contaminación mariña e o feito de poder contar con instrumentos específicos para zonas de alto nivel de protección ambiental como é o caso das Illas Atlánticas.