ENCE non renuncia a Lourizán: a planta das Pontes sería ‘independente pero complementaria’

PONTEVEDRA> A planta de papel tisú que ENCE proxecta para As Pontes non sería unha realidade ata o 2027. Sempre e cando sexa viable. A empresa aínda ten que estudar esta posibilidade, algo que se prolongaría uns doce meses. O que si asegura é que se trataría dunha planta independente pero complementaria á factoría que xa teñen en Lourizán. Hoxe a pasteira ofreceu unha rolda de prensa conxunta co vicepresidente da Xunta, que agradeceu a aposta da empresa por Galicia.

A instalación dunha planta de papel tisú no concello coruñés das Pontes é unha posibilidade que ENCE está comezando a estudar. Iso si, insisten en que non sería substituta da pasteira de Lourizán, en Pontevedra.

Complementaria porque gran parte da celulosa que se fabrica en Lourizán iría a parar á planta das Pontes. Alí pecharíase o ciclo do papel, coa elaboración de produtos como panos de mesa ou papel hixiénico. Para avaliar a viabilidade desta nova factoría, ENCE parte dun escenario no que poderían manter as instalacións da ría de Pontevedra.

O que rexeitan de pleno é o traslado de Lourizán. Insisten en que non hai alternativa.

A Xunta de Galicia comparte o argumentos de ENCE. Hoxe o vicepresidente Francisco Conde compareceu con Antonio Casal para agradecer a aposta da empresa por Galicia e defender a continuidade da factoría na ría de Pontevedra.

Segundo os cálculos da empresa, a planta das Pontes terá un custo de 350 millóns de euros e creará 150 empregos directos e uns 1.400 indirectos. Pero primeiro teñen que estudar a súa viabilidade, para o que se dan un prazo dun ano. De obter luz verde, non estaría funcionando ata 2027.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí