PONTEVEDRA> A Asociación Pola Defensa da Ría presentou esta mañá as súas alegacións á mellora da EDAR de Os Praceres e ao novo emisario submarino. Os representantes deste colectivo piden á Xunta de Galicia que se retire o proxecto de ampliación da EDAR e que se modifique a proposta de autorización de vertido, tanto para a estación depuradora como para o emisario.
A Asociación Pola Defensa da Ría pide que se retire o proxecto da ampliación da EDAR e que se inicie unha nova tramitación pola vía ordinaria de avaliación ambiental. Ademais, o colectivo pontevedrés esixe tamén que se modifique a proposta de autorización de vertido para a estación depuradora e para o emisario submarino. Antón Masa asegura que hai alternativas aos dous proxectos menos lesivas para o medio ambiente.
Os representantes da APDR aseguran que a instalación da nova EDAR está afectada polo PXOM, polo Plan de Ordenamento do Litoral e polas Directrices de Ordenamento do Territorio. Ademais, cren que a súa ampliación podería facerse cunhas tecnoloxías máis compactas e, incluso, defenden que se debería ter deseñado unha EDAR cuberta. En canto ao emisario, o colectivo ecoloxista cre que é un proxecto innecesario e o cal suporá un beneficio para ENCE.
Ante esta situación e tras presentar as súas alegacións aos dous proxectos da Xunta, os representantes da APDR aseguraron esta mañá que apoiarán ás mobilizacións convocadas polos veciños de os Praceres.