O ocio nocturno reabre esta noite pedindo a comprensión dos clientes para cumprir as normas

PONTEVEDRA> O ocio nocturno de Pontevedra poderá volver traballar a partires desta medianoite. Os cambios nas restricións anunciados o mércores polo comité clínico e a baixada ao nivel medio da cidade, permiten que estes locais hostaleiros retomen a actividade despois dun ano de peche. Terán que facelo coas capacidades limitadas e cumprindo estritas normas de seguridade sanitaria. Tamén fan un chamamento á súa clientela para que axuden a facer a volta máis sinxela.

No pub La Pomada, no casco histórico de Pontevedra, ultiman os preparativos para a reapertura. A partires de esta medianoite o ocio nocturno poderá volver traballar.

Esta reapertura chega despois de que o comité clínico flexibilizara as restricións o mércores desta semana, cando tamén anunciaron que Pontevedra pasaba do nivel alto ao medio.

Hai moita ilusión por volver, pero Daniel é consciente de que non vai ser sinxelo. En tres días tiveron que reincorporar ao persoal que levaba un ano en ERTE e ademais terán que reabrir cunhas capacidades limitadas: do 50% no interior e do 75 na terraza.

Precisamente é nas limitacións para as terrazas onde está un dos puntos polémicos. O comité clínico decidiu o mércores que nos concellos de nivel medio a hostalería poderá ocupar os seus exteriores o 100%, pero no caso do ocio nocturno terán que axustarse ao 75.

Hoxe La Pomada poderá reabrir, pero hai moitos outros locais que quedaron no camiño. Por iso Daniel Lorenzo pide, sobre todo, comprensión e colaboración á clientela, para evitar escenas que rematen por afondar no estigma da hostalería nocturna.

Daniel Lorenzo reclama, tamén, que se diferencie a actividade da hostalería nocturna doutro tipo de ocio como pode ser o botellón ou as reunións na rúa, onde non se sigue ningún tipo de medida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí