Pontevedra completará o futuro pavillón da Parda cun parque de máis de 35.000 metros cadrados

PONTEVEDRA> Hoxe coñecemos máis detalles da zona verde que o concello de Pontevedra proxecta para o barrio da Parda. A intervención suporá a transformación dunha parcela de máis de 35 mil metros cadrados, que completará a contorna do futuro pavillón de deportes que se construirá nesa parcela. Dende o concello explican que será a actuación de parque urbano máis importante que se fai na cidade dende a Alameda.

O concello de Pontevedra completará a construción dun pavillón de deportes no barrio da Parda cunha gran zona verde. Hoxe o alcalde presentou o deseño da intervención que se fará nesa parcela, e que contempla o acondicionamento de máis de 35.000 metros cadrados.

Ademais do pavillón duns 6.000 metros cadrados, este espazo acollerá unha zona de parque infantil da natureza, con xogos como tobogáns e tirolina, dúas áreas de aparcadoiro ou dous miradoiros sobre a vía do tren. O proxecto contempla incluso a canalización dun manancial que atravesará a parcela ata o río Gafos.

Segundo explicou Fernández Lores, o proxecto xa está en fase de execución. Aínda que se manteñen abertas as negociacións con varios propietarios para sumar máis terreos para os accesos ao parque.

O goberno local orzamenta esta intervención en 4 millóns de euros. O que aínda está por definir é se este proxecto de zona verde construirase de xeito independente ou paralalo á construción do pavillón deportivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí