Os veciños de Ponte Sampaio esixen a reapertura inmediata do consultorio médico

PONTEVEDRA> Os veciños de Ponte Sampaio e A Canicouva  esixen a reapertura do seu consultorio. O SERGAS decidiu pechar as súas portas ante os requisitos establecidos no estado de alarma. Sen embargo, a veciñanza sospeita que este peche podería ser definitivo.

Os veciños e veciñas de Ponte Sampaio e A Canicouva esixen que se reabra este consultorio. O pasado 11 de maio o SERGAS decidiu pechalo porque non cumpría cos requisitos mínimos para desenvolver a súa actividade con total seguridade. Dende entón, para calquera consulta, os veciños teñen que desprazarse ata 13 quilómetros para chegar ao ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra. Unha situación que está a ocasionar grandes prexuízos nesta parroquia.

Segundo informa o SERGAS, este consultorio non cumpre cos requisitos mínimos establecidos no estado de alarma xa que nel non se pode habilitar unha sala de illamento, dobres circuítos, nin conta con persoal de soporte. Sen embargo, todas estas explicacións non convencen á veciñanza.

Co obxectivo de que se reabra este consultorio, os veciños da parroquia conseguiron recadar nun só día máis de 600 firmas.

A pesar de que o SERGAS asegurou que se están a estudar varias alternativas, polo de agora, os veciños de Ponte Sampaio e A Canicouva seguen tendo pechadas as portas do seu consultorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí