PONTEVEDRA> Pontevedra aproba o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O documento descarta crear taxas para acceder á cidade ou a esixencia de empregar vehículos específicos. Si contempla a creación de ‘zonas de tráfico reducido’. Unha denominación escollida polo Concello para as coñecidas zonas de baixas emisións. Con todo, dende o goberno local indican que o plan cumpre cos obxectivos marcados pola lei nun asunto, engaden, no que a cidade ten xa moito traballo feito.
Luz verde ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Pontevedra. Aprobouse esta mañá en Xunta de Goberno local e agora só queda que o ratifique o Pleno. Unha folla de ruta, di o concello, que garante a equidade nos espazos urbanos sen ristricións aos vehículos nin taxas por entrar na cidade.
Medidas estas que si porán en marcha noutras cidades, pero que descartan en Pontevedra. Vanse evitar creando ‘zonas de tráfico reducido’, unha denominación do propio concello á hora de referirse ás coñecidas como zonas de baixas emisións. Unha alternativa, di Gulias, que cumpre cos obxectivos marcados pola lei.
Ademais, o concello avanzou que vai solicitar dúas axudas destinadas ás zonas de baixas emisións. A primeira é unha actuación física, o remate do tramo urbano do Camiño de Santiago portugués na Santiña. A outra, a instalación de sensores que permitan o control de tráfico e a calidade.
En conxunto, de resultar seleccionadas estas propostas, o investimento roldaría os tres millóns de euros.