Lourizán e Marcón contarán con vías remozadas

PONTEVEDRA> As parroquias de Lourizán e Marcón terán novo asfaltado. O proxecto de mellora das vías en O Rial, O Outeiro e A Peralba buscan avanzar na calidade urbana dos barrios fóra das áreas de centralidade.

As obras de melloras viarias en Lourizán e Marcón, cun orzamento total de máis de 320.000 euros,  dan resposta ás demandas dos consellos parroquiais de ámbolos dous barrios.

Algo máis de 160.000 euros destinaranse á rehabilitación e asfaltado das vías de O Outeiro e O Rial, un traballo complexo pola estreiteza dos viais.

Os traballos previstos na Peralba, cun orzamento duns 165.000 euros, inclúen novo pavimentado en 900 metros lineais de estrada, 500 metros de canalización de augas pluviais, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguridade, como a colocación de varandas nalgúns tramos, e sinalización.

Os proxectos presentaranse ós veciños para acabar de definilos en cuestións como a zona de aparcamento e para recoller información necesaria coma a localización exacta de tubos privados de auga. As reunións serán mañá ás 20 horas no centro parroquial de Lourizán e o venres, ás 20:15 no centro parroquial de Marcón.