Morre o concelleiro de Catoira Eduardo Touriño nun atropelo

CATOIRA> Día de loito en Catoira. Eduardo Touriño, veciño da vila e edil do Partido Socialista no concello, falecía a primeira hora da mañá vítima dun atropelo. O home de 46 anos era panadeiro de profesión, e foi precisamente cando estaba a repartir o pan cando un camión o arroiou. Os equipos médicos que intentaron reanimalo, non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Catoira espertaba esta mañá cunha triste noticia. Minutos antes das 9 e 20 da mañá, Eduardo Touriño, veciño da localidade de 46 anos, concelleiro socialista da corporación e número 4 da lista da formación, falecía atropelado na estrada PO-548, que une Pontecesures con Vilagarcía.

Segundo testemuñas, o home, panadeiro de profesión, aparcara a súa furgoneta na beiravía para facer o reparto do pan. Ao baixar do vehículo, foi arroiado por un camión que circulaba en dirección Vilagarcía.

Os esforzos dos equipos médicos que se desprazaron ata o lugar para intentar reanimalo, non foron suficientes para salvarlle a vida.

Pouco despois do tráxico suceso, as bandeiras do concello xa locían crespóns negros e ondaban a media asta.

Este é o segundo golpe que recibe a familia socialista de Catoira nun breve período de tempo. O pasado mes de setembro falecía o número 3 da súa lista, Carlos Castaño, tras sufrir un accidente cando practicaba kitesurf na Illa.