O BNG de Ribadumia quere as cousas claras

    Os nacionalistas de Ribadumia reclaman nunha moción que o Concello tome medidas para garantir a transparencia na xestión municipal e saian á luz as contas dos últimos anos. O Bloque Nacionalista quere que se contrate, a tal efecto, unha empresa auditora. Iso si, externa ó Concello.

    A través da contratación dunha empresa auditora externa ó concello examinaríase a contabilidade municipal e maila documentación existente de maneira imparcial. Os obxectivos de estudo son os expedientes de adxudicación de obras, vendas de parcelas,  gastos do polígono de Cabanelas e convenios urbanísticos.

    O que busca o BNG é saber a situación económica actual do Concello e os movementos realizados non só durante o mandato de Salomé Peña senón tamén do anterior alcalde Nené Barral. Daquela os nacionalistas xa fixeran unha proposta semellante que non entenden que non fora admitida.

     Mouriño fala de falta de coherencia do actual equipo de goberno e pide, polo tanto, que ratifique ou que rectifique a súa postura. Se os nacionalistas acadan o seu obxectivo de audita-las contas do concello, estudarán a posibilidade de solicitar a intervención do consello de contas da Xunta de Galicia.