Xornada de protestas nas residencias do Salnés polas súas condicións precarias

O SALNÉS> Nova xornada de folga en toda Galicia das traballadoras das residencias. No Salnés, convocadas pola CIG, organizaron concentracións diante das resistencias ServiSenior e Divina Pastora, en Vilagarcía. Despois levaron as súas reivindicacións ao centro de DomusVi en Ribadumia. Reclaman un novo convenio, con melloras nas súas condicións e un incremento salarial. Esta é a terceira das catro xornadas de folga que teñen convocadas.

Terceira das catro xornadas de folga das traballadoras das residencias. No Salnés, a xornada de protestas arrancaba en Vilagarcía, cunha concentración ás portas do centro de ServiSenior. Co apoio da CIG, reclaman a negociación dun novo convenio colectivo.

Denuncian que polo de agora non houbo ningún tipo de avance. Piden que a Xunta medie no conflito.

Nas concentracións desta xornada participaron traballadoras de distintos centros da comarca. Insisten en que a súa situación é insostible.

Despois de concentrarse en ServiSenior, trasladaron a súa protesta á residencia Divina Pastora, tamén en Vilagarcía. Xa o mediodía, remataban esta xornada de folga con outra concentración ás portas da residencia DomusVi de Ribadumia. Avanzan que, despois da cuarta xornada de folga, estudarán novas mobilizacións para o mes que vén se non hai ningún tipo de avance.

E din que as concentracións celebradas esta mañá poderíanse ter feito en calquera outro centro privado da zona porque, denuncia, a precariedade laboral esténdese por todo o sector.