RIBEIRA> Xosé Luís Torres Colomer e a asociación de Xubilados de Carreira e Aguiño serán distinguidos como percebeiros de honra. Así o anunciou o patrón maior de Aguiño na presentación da festa do percebe que se celebrará o domingo 27 de xullo.
A confraría de Aguiño fixo públicos os nomes dos homenaxeados este ano pola festa do percebe. O ex alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, e a asociación de xubilados de Carreira e Aguiño serán os distinguidos cos percebeiros de honra o próximo 27 de xullo.
Na festa, que se desenvolverá na explanada portuaria de Aguiño, repartirase máis dunha tonelada de percebe. O prezo da ración, duns 350 gramos, será de 20 euros incluídos os cachelos e o prato conmemorativo. Servirase produto de primeira calidade que os percebeiros de Aguiño extraerán ó longo da semana nunha zona reservada na que esta campaña tan só traballaron uns seis días.
Para evitar colas, a confraría xa puxo á venda os tickets que se poden adquirir na sede do pósito en horario de oficina. O día da festa habilitarase tamén unha fila alternativa para segundas bebidas co obxectivo de alixeirar a cola principal.











